jueves, 25 de octubre de 2007

O éxodo dun anarquista na Galicia da Guerra Civil (2ª parte)


O alzamento

O 18 de xullo de 1936 produciuse o alzamento militar que levaría a España a unha longa noite de pedra. Galicia quedou rapidamente baixo o xugo dos nacionais, e a pouca resistencia que se puido opoñer non acadou éxito algún. Os mozos faístas quedaron no Ferrol, tentando defende-la República. Así o fixo Pepe, e por iso a súa familia non o volvería ver fóra da clandestinidade. En Mugardos, creouse tamén un Comité de Defensa. Requisaron armas da Garda Civil e intentaron varios asaltos. O 23 de xullo, as forzas de artillería chegaban á vila e facían fuxir ós resistentes, tal e como relata o historiador, e estudioso do tema, Carlos F. Velasco Souto. Dous días máis tarde, asasinaban o alcalde, Juan Prieto. Desde ese mesmo día ata o 1939, fusilaron en Mugardos 36 persoas, 28 delas sen sentenza xudicial. Velasco Souto afirma que Mugardos “padecerá unha das represións máis cruentas do período”.O crítico da situación obrigou ós resistentes a botarse ó monte. Pepe e os seus compañeiros de formación escaparon desde Ferrol e movéronse polos montes da bisbarra. A súa familia non sabía nada del, ata que apareceu unha nota baixo a porta. Pepe dicíalles que estaba ben e indicáballes onde se agochaba. Quería comida. Con moito coidado, a súa nai, figurando que ía lava-la roupa, leváballe alimento a unhas matogueiras.

Entrementres, na casa pasaban moitos apuros. Faltaba o xornal dos homes. Esta foi unha situación común durante a Guerra Civil na que “as mulleres tiñan que asumir en solitario a responsabilidade de sacar adiante os fillos e garantir a supervivencia familiar”, segundo Velasco Souto. Por iso, as dúas irmás tiveron que dedicarse ó “estraperlo”. Ían por patacas a Pontedeume e traíanas para vender en Mugardos. Un día, volvendo no tren, decatáronse de que había un control. Pura lémbrase, esta vez, á perfección:“Celia, que era máis lanzada tirouse. Eu non me atrevín e cando chegaron os gardas díxenlles que era para consumo doméstico. Supoño que como me viron moi nena deixáronme pasar”. Cando chegou á estación de Franza, preto de Mugardos, era noite pecha e Pura estaba soa. Conta que tivo que volver por camiños solitarios, en guerra, con 17 anos e cun ataque de ansiedade que lle premía o peito. Días despois, algo tranquilizouna. Apareceu unha nota na casa. Dicía que non se preocupara, que Os Escapados coidaban dela. Di que se puxo contenta porque aínda que o seu irmán maior xa non a levaba a baile nin a defendía ante seus pais, facía algo mellor: coidábaa desde a clandestinidade.

---Continúa o xoves, 1 de novembro---

No hay comentarios: