jueves, 18 de octubre de 2007

O éxodo dun anarquista na Galicia da Guerra Civil (1ª parte)


Non foi senón ata estes últimos anos cando se empezou a prestar atención ó anarquismo galego. A imaxe prexulgada, herdeira de 40 anos de falacias, falaba tan só de atentados e violencia. Houbo que agardar ata hoxe para que se reivindicase o labor destes homes no eido cultural e sindical. Pepe Castro era anarquista. Nunca foi un heroe, pero a súa historia é testemuña dun tempo e dun ideal.

José Castro Vázquez, “O Casimiro”, morreu en 1945 en Perpignan, Francia. Había 6 anos que vivía no país veciño cando lle deu “ese golpe de sangue”. Contánolo Pura, que aínda que ten 88 anos, segue a falar como a irmá pequena de Pepe. A última vez que o viu, di, foi en maio de 1939. A última vez que o oíu foi tras dunha porta. E logo, logo só as cartas.

Pepe naceu no 1910 e “desde sempre foi así, xa de pequeno, moi botado para adiante”, di Pura.. Residían en Mugardos, a unha ría de distancia de Ferrol. De familia humilde, Pepe gañaba a vida de albanel ata que quedou coxo, nun accidente traballando. Daquela non esixían arneses. A súa militancia política comezou cedo. Pepe, como moitos máis mozos do pobo, pertencía á CNT (Confederación Nacional de Trabajadores). En 1933 foi un dos fundadores na vila do Ateneo Libertario “Naturaleza Consciente”, que chegou a ter 80 socios. Pura lémbrase lixeiramente “Había libros e revistas e podíamos ir ler alí o que quixeramos. Traía moitas para a casa. Unha pena, todo o tivemos que queimar. Unha pena”. Ó pouco, Pepe converteuse tamén nun activista das Juventudes Libertarias, influídas polas ideas da FAI (Federación Anarquista Ibérica). Segundo Eliseo Fernández, historiador e especialista no anarquismo en Ferrolterra, “en Mugardos había (…) un importante núcleo de xóvenes libertarios desde 1933, mais non se constituíron orgánicamente as Juventudes Libertarias até decembro de 1935”. A FAI, ademais de ser clandestina, compartía coas JJLL uns principios máis ortodoxos que os da CNT, sindicato con gran forza no pobo, a pesares de ser Ferrolterra un feudo tradicional da UXT. Durante os anos da República, Pepe desenvolveu unha intensa actividade. Por exemplo, participou na fundación, datada o 15 de abril de 1936, do “Sindicato Único de Oficios Varios de Mugardos y sus Contornos”. Este acta fundacional foi, seguramente, o último documento oficial que firmou. A seguinte firma que se lle coñece vén na parte traseira dunha foto dun campo de refuxiados en Francia.

---Continúa o xoves, 25 de outubro---

No hay comentarios: