jueves, 8 de noviembre de 2007

O éxodo dun anarquista na Galicia da guerra civil (anexos)



Antonio, o irmán de Pepe.

Antonio Castro Vázquez, irmán maior de Pepe, non fuxiu en 1936 porque cría que non tiña motivo. Un ano despois sabería que se equivocaba. Tanto el como o seu irmán eran militantes da CNT, aínda que Antonio exercía un labor máis discreto. Era, tan só, un albanel comprometido. Cando estalou a guerra, non tomou parte activa na defensa da República porque xa pouco se podía facer. Iso si, aportou o que puido. Axudou a escapar a presos, aínda que ninguén o axudaría despois a el. O 26 de abril de 1937 Antonio foi sometido a un Consello de Guerra. O delicto: auxilio á rebelión. As probas: unha declaración firmada por el –previa malleira, segundo afirman os familiares- na que afirmaba que tivera no seu poder unha pistola descargada o 21 de xullo de 1936, adxuntábase ademais un informe cos seus “antecedentes”. A pena: 12 anos e un día. Antonio intentou atenúa-los cargos alegando que colleu a pistola (arma, que segundo a súa irmá, nunca tivo, pero era a única forma de consegui-la pena mínima) porque o alcalde emitira un bando chamando a defende-la República, e afirmando que quen non asistira sería pasado polas armas. Na súa causa de guerra, a 414/37, din do alcalde “no se ha procedido contra este por conocer este hecho este Juzgado”. Esta afirmación semella un eufemismo xa que a Juan Prieto Balsa, alcalde de Mugardos, fusilárono un ano antes, o 25 de xullo de 1936. Condenado en firme, Antonio foi pronto desprazado a un cárcere de Pamplona, onde vivía nunhas condicións miserables: comía mondas de pataca e bebía a auga que escorregaba entre as pedras. Houbo un intento de fuga e participou. Non chegaron lonxe. Antonio adoitaba contar, entre gracioso e enfadado, que cando os estaban devolvendo á prisión, houbo algunha persoa que se sorprendía de que fosen “rojos” e non tiveran rabo. Novo Consello de Guerra e nova sentencia: pena de morte. Antonio conseguirá saír de prisión no ano 1942, despois de que lle conmutaran as penas. Volveu a Mugardos pero nunca volveu á política aínda que na súa casa permitíase certas licencias e unha boa presa de odio. Antonio mantivo, ata a súa morte, que nunca pensou en fuxir porque nunca cometeu un delicto. Por desgracia, a Xustiza Militar non pensou o mesmo.

O anarquismo galego.

O anarquismo tivo en Galicia máis presencia da que se poida crer a priori. Para facernos unha idea, a Confederación Regional Galaica da CNT contaba en 1933 con máis de 33.000 afiliados. Ademais da CNT, que se organizaba a nivel nacional, existían outros pequenos grupos, característicos da militancia anarquista. Un exemplo son as Juventudes Libertarias, que apareceron por primeira vez en 1933. Dentro do seu seo enmarcábanse militantes da Federación Anarquista Ibérica (a tendencia clandestina e tamén máis “ortodoxa” dentro da CNT). Definíanse como unha organización de mozos revolucionarios que reivindicaban unha “práctica pura” do anarquismo. As JJLL, aínda que agora pareza paradoxal, contaban cunha gran acollida dentro do exército. Grazas a esta circunstancia estiveron na disposición de provocar motíns dentro dos cuarteis despois do estalido da Guerra Civil. Os intentos foron sufocados rapidamente. Ó redor de 30 militantes das Juventudes Libertarias foron mortos e outros moitos –imposible trazar unha cifra exacta- foron represaliados.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Who knows where to download XRumer 5.0 Palladium?
Help, please. All recommend this program to effectively advertise on the Internet, this is the best program!

Anónimo dijo...

Is it possible to contact administration?
By the way, anybody home?!