jueves, 1 de noviembre de 2007

O éxodo dun anarquista na Galicia da Guerra Civil (3ª parte e final)


De novo na casa

Pepe, farto da vida no monte e dos continuos enfrontamentos coa Garda Civil, decidiu volver á casa. Cunha manta ó lombo, baixou entres os leñadores que chegaban do interior. Chamou na súa porta e entrou. Xa avisara con antelación da estratexia, polo que estaban preparados. Construiran un zulo baixo a cama do pai. Para que ninguén se decatara da obra que estaban a realizar sacaban a terra que escavaban en bolsiñas e guindábanas ó mar. Pepe viviu durante algo máis dun ano pechado na casa, sen asomarse pola fiestra, agochándose nun zulo cada vez que alguén entraba. Con todo, o maior problema era Beatriz, a nena pequena que coidaban na casa. Decidiron contarlle, relata Pura, que aquel home coxo que xogaba con ela chamábase “Gatiño”. Ela marchaba e só dicía que xogara co “Gatiño dos Castro”. Varias veces viñeron rexistrar a casa e varias veces Pepe conseguiu esconderse no momento xusto para non ser descuberto. Un día conseguiu pecha-la trapela no mesmo segundo en que se abría a porta corrediza da habitación.

A fuxida

Tono, amigo de Pepe e tamén escapado, apareceu na casa dos Castro. Viña buscalo. Era maio de 1939 e para eles xa non quedaba esperanza. A guerra rematara e a Garda Civil non deixaba de buscalos. Era cuestión de tempo que deran con eles. Na casa de Pepe continuaban os rexistros, os arrestos dos familiares, os traballos forzados. Os Escapados tiñan un plan: fuxir por mar. Así que Tono chimpou unha bolsa de balas enriba da cama e dixo que había que marchar. “Pepe dixo que era unha bolsa de canicas”, di Pura cando recorda este episodio. Foi o último día que o viron. A fuga estaba preparada para o 21 de maio, pero finalmente tiveron que realizala o 25. Un espía no porto de Ferrol informaralles da vixilancia dos barcos. En dous botes, doce escapados agardaron acochados baixo os pilotes do porto. Vixiaban a saída dunha parella, o “Teresita” e o “Carmiña”. Cando o “Teresita” deu marcha atrás, abordárono. Un deles non o conseguiu e caeu ó mar, deixándose as uñas no intento. Segundo o relato dos tripulantes recollido na causa de guerra que se abriu pola fuxida, os escapados pecharon á tripulación dentro do barco e na boca da ría fixeron os sinais pertinentes ó “Carmiña” para que se achegase, abordárono tamén e puxeron rumbo a Francia. Ó chegar entregáronse coas súas 8 pistolas e as súas 2 carabinas. Internáronos no campo de refuxiados de Gurs. Para eles, foi a vía aberta para a liberdade. Para o Réxime, foi a causa 1632/39.

O exilio

Pepe conseguiu saír do campo de refuxiados cando o reclamaron unhas primas que tiña en Francia. Despois, refixo a súa vida e xuntouse a unha muller. Moitos compañeiros seus uníronse a Resistencia Francesa pero el nunca quixo saber nada máis da loita política. Escribía cartas ós seus familiares nas que relataba a súa vida actual pero nunca a súa vida pasada – non pasaría a censura. Recoñecían a súa firma, pero xa non oían a súa voz. Aquela voz que trala porta, a noite do 25 de maio, berroulles “¡Boa viaxe!” “E nós sabíamos que era el”, di Pura, “sabíamos que quería que lle desexasemos unha boa viaxe ¡e como non lla íamos desexar!”


- A imaxe é un detalle do plano da fuga da parella, incluido na Causa de Guerra 1632/39. Tirada do arquivo da armada-

--- Aquí remata a historia de Pepe. Na próxima entrega, o xoves 8 de novembro, publicaremos os anexos: a historia dun dos seus irmáns e información sobre o movemento anarquista da época ---

No hay comentarios: